sábado, 31 de decembro de 2016

FELIZ ANO 2017

Dende a Biblioteca da Pinguela desexamos que o 2017 sexa un ano cheo de libros e lecturas.  

mércores, 21 de decembro de 2016

Xa temos aos gañadores do Concurso de Poemas e Postais:

Lucía Amaro Losada, premio ao deseño.
David Rodríguez Carballo, premio ao lema.
Brais González Valcárcel, premio ao pareado.

Noraboa!!


venres, 16 de decembro de 2016

CONCURSO DE POEMAS E POSTAIS DE NADAL

Xa enchen o noso centro as postais participantes no concurso de Nadal.  E xa temos gañadores: o primeiro premio é para...
(Continuará o día 21 de decembro)


sábado, 10 de decembro de 2016

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

Tras a II Guerra Mundial, a ONU (Organización das Nacións Unidas) puxo todas as súas forzas en consensuar as garantías de que non volvese suceder outra barbarie.  Froito dese esforzo, o 10 de decembro de 1948 a Asamblea Xeral da ONU firmou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos: trinta artículos que defenden a liberdade, a dignidade e o respeto a todos os seres humanos.  É evidente que o documento segue a ser unha utopía na actualidade; pero precisamente por iso debemos seguir loitando para que sexa unha realidade.  O primeiro paso?  Coñecer eses dereitos.
Amnistía Internacional, entre outras moitas ONG, traballa diariamente en favor dos dereitos humanos e todos os anos realiza unha campaña para conmemorar o 10 de decembro. Podedes ver eiquí a realizada para o ano 2011:


venres, 2 de decembro de 2016

DE MONSTROS MALOS E NON TAN MALOS


 Hoxe contamos coa presencia dun antigo alumno, Sergio José Rodríguez González, investigador en Historia e Cultura das Illas Británicas, que veu dar unha conferencia sobre monstros literarios para o alumnado de 2º de ESO, de 2º de Bacharelato e de Literatura Universal.  Aprendimos que a teratoloxía é unha disciplina dentro da Teoría da Literatura que se encarga de estudar os monstros, e que non todos son malos malísimos.  Sergio fixo un interesantísimo repaso por personaxes moi coñecidos do cine e da literatura, e tentamos de deducir os rasgos propios de cada un. Quen é máis malo? Voldemort ou Hulk?  O doutor Jekyll ou Frankenstein?

 

venres, 25 de novembro de 2016

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A Biblioteca, en colaboración có Equipo de Normalización Lingüística, coordinou entre diferentes departamentos unha actividade para concienciar ao alumnado sobre unhas das lacras sociais dos nosos días: a violencia de xénero.  
Por unha banda, fixemos unha campaña gráfica elaborando trípticos de denuncia.  E, por outra, traballamos sobre a canción "Ain´t your mamma" de Jennifer López (é unha canción moi actual e coñecida, cunha letra que fomenta a igualdade entre sexos),  tanto no plano da expresión oral en Inglés como no plano da expresión corporal en Educación Física. 
Todo este traballo fíxose público o pasado venres, durante o recreo, co título "Performance contra o maltrato".  O alumnado e profesorado dos ciclos de Perruquería e Estética caracterizou cos sinais de agresións físicas  a un grupo de rapaces e rapazas de 4º de ESO e Bacharelato.

luns, 21 de novembro de 2016

VII XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

Benvidos!  Inauguramos este blog falando das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares, que tiveron lugar no Pazo de Congresos de Santiago os días 18 e 19 de novembro.  Máis de mil docentes, que forman parte dos equipos de bibliotecas de centros de ensino galegos, reuníronse para falar, escoitar e compartir experiencias en torno ás bibliotecas e a súa función no século XXI.
Foron moitas e moi interesantes as conferencias e as mesas de experiencias que invitaron a reflexionar sobre o lema deste curso: "Biblioteca escolar: territorio das artes". 
Andrea Giráldez falou da biblioteca como espazo para aproximarse á creación artística e presentou algunhas experiencias ("Mujeres en la música clásica", "¿Por qué Música 2.0?"...) e proxectos ("Tacita de barrio", "Before I die"...) realizados por leer.es ou en escolas, bibliotecas municipais...
Belinda Blanco expuxo o traballo que realiza día a día o equipo de biblioteca do CEIP do Cervo e, particularmente, o proxecto levado a cabo o pasado curso a través do cine como eixe vertebrador, no que o alumnado foi creador de cortos de producción propia.
Tamén de cine falou Isidora Gil, do IES Celso Emilio Ferreiro,  e puidemos ver como o equipo deste centro fai unha labor impresionante de ambientación da biblioteca e de todo o centro respecto a temática elixida.
Xa o sábado comezou Glòria Durbán deseñando o lugar que debe ocupar a biblioteca nestes tempos de cambio: a incorporación ás actividades do centro escolar de xeito natural.  Unha biblioteca, pois, ao servizo da aprendizaxe, como entorno socializador da lectura, como referente cultural do centro, como entorno aberto á comunidade e como plataforma para proxectos colaborativos.
Silvia González Goñi iniciou a súa conferencia cuha metáfora que é para ela unha máxima "Somos alfareros educativos" e emocionounos con todas as ideas  e proxectos que tentan de desenvolver todo o potencial do alumnado, como "Poesía eres tú", "Lo tuyo es pura leyenda" ou "Proyecto POEMotion 3D"
Mónica Muñoz e Asunción Carballo realizaron unha exposición sobre o curso que están a impartir no Platega sobre Alfabetización Informacional para bibliotecas escolares, mostrandoo como unha "viaxe ao centro da biblioteca", tal como fixera Julio Verne nunha das súas obras máis coñecidas.
Pola tarde, nunha das mesas de experiencias, Francisco Rodríguez, do IES Francisco Aguiar, ensinounos a dinámica de traballo do club de lectura do seu centro, de suxerente nome:  "Máis de cen ás para voar", onde participan cada curso máis de cen alumnos e colaboran un bo número de profesores.  E Flora Grande contounos o día a día da biblioteca dun colexio sumerxido na Ribeira Sacra, o CEIP Virxe do Carme, onde alumnado e profesorado están fortemente unidos polo eixe vertebrador da biblioteca escolar.
Carlos Scolari fíxonos bucear pola rede de redes, abrumarnos coa impresionante actividade que desenvolven as redes sociais, a wikipedia, youtube... para facer ver que a xestión de toda esa información pasa pola narrativa transmedia e como as bibliotecas poden tirar dese concepto.  Deixou para a reflexión tres ideas e dúas preguntas.
Para rematar as Xornadas, o escritor Fran Alonso realizou unha conferencia-recital poético, con moitos apuntes para integrar a poesía e, por suposto, moita poesía.
Se queredes saber máis, a Asesoría de Bibliotecas Escolares ven de colgar os materiais (e proximamente os vídeos) no seguinte enlace: VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia.

E equí deixamos unha presentación do noso paso por estas Xornadas: