luns, 21 de novembro de 2016

VII XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

Benvidos!  Inauguramos este blog falando das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares, que tiveron lugar no Pazo de Congresos de Santiago os días 18 e 19 de novembro.  Máis de mil docentes, que forman parte dos equipos de bibliotecas de centros de ensino galegos, reuníronse para falar, escoitar e compartir experiencias en torno ás bibliotecas e a súa función no século XXI.
Foron moitas e moi interesantes as conferencias e as mesas de experiencias que invitaron a reflexionar sobre o lema deste curso: "Biblioteca escolar: territorio das artes". 
Andrea Giráldez falou da biblioteca como espazo para aproximarse á creación artística e presentou algunhas experiencias ("Mujeres en la música clásica", "¿Por qué Música 2.0?"...) e proxectos ("Tacita de barrio", "Before I die"...) realizados por leer.es ou en escolas, bibliotecas municipais...
Belinda Blanco expuxo o traballo que realiza día a día o equipo de biblioteca do CEIP do Cervo e, particularmente, o proxecto levado a cabo o pasado curso a través do cine como eixe vertebrador, no que o alumnado foi creador de cortos de producción propia.
Tamén de cine falou Isidora Gil, do IES Celso Emilio Ferreiro,  e puidemos ver como o equipo deste centro fai unha labor impresionante de ambientación da biblioteca e de todo o centro respecto a temática elixida.
Xa o sábado comezou Glòria Durbán deseñando o lugar que debe ocupar a biblioteca nestes tempos de cambio: a incorporación ás actividades do centro escolar de xeito natural.  Unha biblioteca, pois, ao servizo da aprendizaxe, como entorno socializador da lectura, como referente cultural do centro, como entorno aberto á comunidade e como plataforma para proxectos colaborativos.
Silvia González Goñi iniciou a súa conferencia cuha metáfora que é para ela unha máxima "Somos alfareros educativos" e emocionounos con todas as ideas  e proxectos que tentan de desenvolver todo o potencial do alumnado, como "Poesía eres tú", "Lo tuyo es pura leyenda" ou "Proyecto POEMotion 3D"
Mónica Muñoz e Asunción Carballo realizaron unha exposición sobre o curso que están a impartir no Platega sobre Alfabetización Informacional para bibliotecas escolares, mostrandoo como unha "viaxe ao centro da biblioteca", tal como fixera Julio Verne nunha das súas obras máis coñecidas.
Pola tarde, nunha das mesas de experiencias, Francisco Rodríguez, do IES Francisco Aguiar, ensinounos a dinámica de traballo do club de lectura do seu centro, de suxerente nome:  "Máis de cen ás para voar", onde participan cada curso máis de cen alumnos e colaboran un bo número de profesores.  E Flora Grande contounos o día a día da biblioteca dun colexio sumerxido na Ribeira Sacra, o CEIP Virxe do Carme, onde alumnado e profesorado están fortemente unidos polo eixe vertebrador da biblioteca escolar.
Carlos Scolari fíxonos bucear pola rede de redes, abrumarnos coa impresionante actividade que desenvolven as redes sociais, a wikipedia, youtube... para facer ver que a xestión de toda esa información pasa pola narrativa transmedia e como as bibliotecas poden tirar dese concepto.  Deixou para a reflexión tres ideas e dúas preguntas.
Para rematar as Xornadas, o escritor Fran Alonso realizou unha conferencia-recital poético, con moitos apuntes para integrar a poesía e, por suposto, moita poesía.
Se queredes saber máis, a Asesoría de Bibliotecas Escolares ven de colgar os materiais (e proximamente os vídeos) no seguinte enlace: VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia.

E equí deixamos unha presentación do noso paso por estas Xornadas:


1 comentario: