martes, 21 de marzo de 2017

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

O Equipo de Biblioteca e os departamentos de Lingua Castelá, Francesa  e Inglesa enchemos o instituto de poesía.  Propuxemos ao noso alumnado de Primeiro Ciclo de ESO compoñer haikus, e ao de Segundo Ciclo de ESO e Primeiro de Bacharelato traballar con poemas de Gloria Fuertes,  de Jacques Prévert e de Bob Dylan para realizar fotopoemas.  Durante toda esta semana adicámonos a decorar as galerías das nosas escaleiras.  O resultado quedou ben chamativo.  Xulgade vos mesmos.

mércores, 8 de marzo de 2017

DÍA DA MULLER

Os equipos de Biblioteca e de Dinamización Lingüística preparamos para o Día da Muller unha exposición interactiva sobre "Mulleres galegas nas artes", seguindo o lema deste ano, Bibliotecas Escolares, Territorio das Artes.

Baseándonos nun traballo preparado polo CEIP Manuel Sueiro que podedes consultar aquí, escollemos mulleres representativas no mundo das artes e e no proxecto "O Pingoleiro", un trivial educativo do noso instituto, fixemos preguntas relacionadas con elas.  

A nosa proposta é interactiva: podemos ver as imaxes acompañadas dunha breve biografía na exposición á entrada do instituto e tentar respostar ás preguntas que aparecen na pantalla do vestíbulo.




venres, 3 de marzo de 2017

ALICE IN WONDERLAND

Hoxe contamos coa presencia do noso antigo alumno experto en Literatura Inglesa, Sergio José Rodríguez González.  
Nesta ocasión impartiu unha conferencia sobre Alicia en el país de las Maravillas e a súa relación có pensamento e a ciencia, particularmente coas matemáticas.  Descobrimos con Sergio que baixo a inxenua apariencia de obra pertencente á "children´s literature" inglesa están agochados un sinfín de coñecementos, xogos, absurdos...  Apetéceche ler a obra de Lewis Carroll dende esta perspectiva?  Xa sabes que podes atopala na biblioteca.